Xestionar particións con gParted

Feito o :20 Decembro 2011

GParted é un editor de particións, de código libre, que serve para xestionar a organización dun disco que pode ser subdividido, en unha, ou máis particións. Unha partición de disco e cada unha das divisións dunha unidade física. Para poder recibir un sistema operativo o dispositivo ten que ter como mínimo unha partición.
Con GParted podense realizar as seguintes tarefas:
Crear unha nova partición, comprobala, borrala, trocarlle o tamaño, copiar e pegar datos, formatala, monta-la, desmontala e xestionar as marcas.
Esta ferramenta forma parte, ou pódese instalar, na maioría das distribucións de Linux. Hai un LiveCD que nos permite arrincar sen sistema operativo. Tamén está dispoñible un LiveUSB.
A derradeira versión pódese descargar dende aquí, é unha imaxe ISO que nos permite, de xeito moi doado, crealo LiveCD/USB.
Imos ver uns exemplos para tirarlle proveito. O primerio é usalo noso CD/USB para arrincar o ordenador, aparece isto:

Eleximos a opción de arrinque por defecto.

Séguelle a carga dos programas que precisa o sistema para arrincar, escoller idioma (O galego é o 09) e se queremos usalo servidor X (0 por defecto) para o entorno gráfico.

Por fin, aparece na pantalla GParted e as súas opcións. Maximizámola.

Dependendo do tipo de disco duro, Linux idenfícao como hda(ATA) ou sda(SATA), neste caso. sda, é o primeiro disco, sdb o segundo e así sucesivamente. Cada unha das particións do disco noméase cun número, do xeito:sda1..sdaN. Na fiestra de arriba, GParted amósanos as particións que ten o dispositivo, un sda, con varias particións estendidas e con distintos sistemas de arquivo.
As particións estendidas xurdiron para superar o límite das 4 particións primarias máximas por cada disco duro e poder crear un número ilimitado de unidades lóxicas, cada unha cun sistema de arquivos diferente. Todos os sistemas modernos (Linux, calquera Windows baseado en NT e ata VOS/2) son capaces de arrincar dende unha unidade lóxica. Con todo, o MBR por defecto utilizado por Windows e DOS só é capaz de continuar o proceso de arranque cunha partición primaria. Cando se utiliza este MBR, é necesario que exista polo menos unha partición primaria que conteña un cargador de arranque. Outros cargadores de arranque que substitúen ao MBR, por exemplo GRUB, non sofren desta limitación.
O candeado pechado indica que a partición está montada, en uso, o que quere dicir que para manipulala primeiro hai que desmontala. O que se ve na cuarta liña é:    /dev/sda7 —> Partición 7, como para Linux todo é un arquivo, o cartafol /dev contén os enlaces aos dispositivos físicos.
ext4 —> Sistema de arquivos propio de Linux.
/ —> En Linux, como mínimo precisamos unha partición linux-swap e outra ext, cuxo punto de montaxe é “/”, é dicir, o raíz onde irá todo.
Etiqueta —> Substantivo para nomear a partición.
Tamaño, usada e sen usar non precisan explicación.
Marca —> boot quere dicir que é a partición de arrinque. Na opción xestionar as marcas veremos máis.

Este é un disco duro sen particionar. A continuación imos ver as opción das que dispón o menú da fiestra

A primeira opción do menú é gParted e contén:
Actualizar dispositivos: O nome fala por si.
Dispositivos —> /dev/sda, primeiro disco duro
—> /dev/sdf, segundo disco duro
Tendo en conta que so teño un disco duro interno parece que a nomenclatura anterior falla, pois non, a placa base ten sitio para cinco discos duros e para eles reserva as letras “a”,”b”,”c”,”d” e “e”. A “f” asígnalla a un disco externo, se agora conectásemos unha memoria USB sería sdg.
Saír —> Pois iso, saír.

A segunda opción Editar, contén:
Desfacer a última operación —> Está moi claro.
Limpar a lista de operacións —> Na parte de abaixo da fiestra quedan reflectidas todas as operacións, isto as borra.
Aplicar todas as operacións —> Unha vez solicitada unha acción hai que aplicala, esta opción fai varias xuntas.

A terceira opción Ver, contén:
Información do dispositivo —> Se o marcamos, danos datos adicionais do dispositivo, como: modelo,tamaño,ruta,etc.
Operacións pendentes —> Amosa na parte inferior da fiestra os traballos pendentes.
Asistencia do sistema de ficheiros —> Amosa unha táboa coas operacións permitidas por cada sistema de arquivos.

A cuarta opción Dispositivo, contén:
Crear táboa de particións —> Crea particións.
Tentar rescatar os datos —> Busca sistemas de arquivos no dispositivo.É necesario un análise completo do disco para encontrar sistemas de ficheiros e a análise pode durar moito tempo. Despois da análise pódese montar calquera sistema de ficheiros descuberto e copiar a información a outro soporte.

A quinta opción Partición, contén:
Nova —> Crea unha partición.
Eliminar —> Ollo, se ten datos…
Redimensionar/Mover —> Trócalle o tamaño a unha partición.
Copiar —> Copia o contido dunha partición.
Pegar —> Pega os datos nunha partición, se non está baleira sobre escribe os datos existentes.
Formatar como —> Formatea unha partición cun sistema de ficheiros determinado.
Desmontar —> Desmonta unha partición, precisase para manipulalas.
Xestionar as marcas —> Amosa as marcas que se poden por as particións:boot(arrinque),hidden(oculta),lvm(discos lóxicos),raid(bloques de discos),etc.
Comprobar —> Iso.
Información —> Sistema de ficheiros da partición, tamaño,ruta,marcas,etc.

Axuda —> Sen palabras.
Isto é todo, aos que non lles guste GParted sempre lles queda fdisk, dende a liña de comandos.

Tema Panorama porThemocracy