O móbil

Feito o :20 Febreiro 2010

Fai algún tempo, tiña unha morea de puntos a pique de caducar, achegueime a unha tenda de Telefónica para mercar un móbil. Despois de ollar varios modelos, pregunteille ao empregado os prezos cos puntos e escollín o que me pareceu máis axeitado. Antes de completar a venda o empregado fixo unha chamada de teléfono, e ante a miña perplexidade pasoume a min o móbil, escoitei unha voz, desas que non sabes ben se é real ou non, que me dixo que non podía usar os puntos por mor dunha débeda de 3,65€ de sete anos atrás. Mudo me deixou, cando fun quen de reaccionar díxenlle: Que o número ao que pertencía a débeda fóra meu, que a débeda xa tiña prescrito, e que eu non lembraba débeda algunha con eles.
   Entón, dixo que agardara un pouco, que ía arranxalo. Pasado un par de minutos díxome, o de sempre, que o sistema non llo permitía. Deille as grazas, e volvinlle o móbil ao empregado.
   Pregunteille a diferenza de prezo entre mercalo móbil con puntos ou sen eles, díxome que 85€, mandeillo envolver, pagueille, e deseguido fun poñer unha queixa a consumo. Naturalmente gañei. Consumo ditou un laudo arbitral instando a Telefónica a devolverme a diferenza nun prazo de vinte días. Non o fixo.
   Anoxado a máis non poder, fun ao xulgado e púxenlles unha demanda de xuízo verbal, teño que dicir que os meus coñecementos de leis ata daquela eran nulos, e aínda que un empregado que lía o xornal díxome que perdía o tempo, cando lle preguntei se me estaba a dicir que a xustiza non existía, trocou de actitude e mandoume o decanato de avogados que me explicaron como tiña que facer. Fixen o escrito no impreso que me facilitaron e marchei con certo desalento.
   Uns meses despois, non podo explicala ledicia, recibín unha carta certificada do xulgado de primeira instancia na que instaba a Telefónica a pagarme 85€ da diferenza na compra e 25€ máis de xuros nun prazo máximo de vinte días, e se non o facía así, que procedera a embargarlle bens na contía dabondo para saldala débeda. Como non coñecía outros e para que chegara ben, sinalei o edificio da Gran Vía. ¡Chegoulles carallo!. Chamáronme da Telefónica, pedíronme desculpas, fixéronme un desconto do 20% na factura durante seis meses, e por suposto. Pagaron!, os xuros tamén.
   Agora debería poñer aquí unha sentenza, pero non me sae, soamente que se lle boto a conta ao tempo gastado perdo cartos, se cadra tería que ter reclamado danos e prexuízos. Se vos pasa algo semellante telo en conta.

Tema Panorama porThemocracy